Saturday 27 de April de 2024

A Mancomunidade de Ordes asina un manifesto conxunto contra a violencia de xénero


Manuel Regos presentou hoxe as campañas levadas a cabo con motivo do 25 N

Representantes dos sete concellos que integran a Mancomunidade de Ordes escenificaron hoxe o seu firme compromiso na loita contra a violencia de xénero, o fomento da igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, así como o seu apoio ás persoas vítimas desta lacra social. Tal e como manifestou o seu presidente, Manuel Regos, “esta é unha tarefa que desenvolvemos ao longo de todo o ano e non só nunha data tan sinalada como é o 25 de novembro”. No acto tamén se presentaron oficialmente as campañas realizadas co gallo do Día Internacional para Eliminar a Violencia na Muller.

Así máis de 270 establecementos comerciais repartirán 7.000 bolsas multiúsos biodegradables, co slogan ‘Podería ser eu. Podería ser calquera’. No seu deseño tamén ocupan un lugar preferente os teléfonos do CIM da Mancomunidade, o 016 ou o teléfono da muller. Nos comercios que participan da idea colocarase un cartel no que se indica a súa colaboración e compromiso na loita contra a violencia de xénero (Ordes 94, Oroso 76, Tordoia 40, Cerceda 19, Mesía 17, Trazo 16, Frades 10). Unha contribución que continúa na posterior análise que cada un deles realizará a través das follas de avaliación que se lles entregarán, co fin de recadar datos para o perfeccionamento de campañas similares que se leven a cabo nun futuro próximo. A estes datos tamén haberá que engadirlles aqueles que o persoal do CIM da Mancomunidade obteña das enquisas realizadas na rúa entre a clientela que reciba unha das bolsas. Outros agasallos que se repartirán son as 20.000 pulseiras coa mensaxe ‘Na violencia de xénero cada día conta’, ademais de 4.000 chapas co mesmo texto.

No acto de presentación os asistentes tamén tiveron a oportunidade de visualizar algúns dos vídeos realizados por entidades, escolas e asociacións deportivas da comarca en contra da violencia de xénero. Uns traballos que xa están dispoñibles na canle que o CIM de Ordes ten na canle social Youtube. Esta iniciativa tamén inclúe o reparto de carteis e de 10.000 calendarios de peto, báners e cuñas radiofónicas co lema ‘Na violencia de xénero cada día conta’.
Por último tamén se falou do Programa IgualaR3, no que este ano participaron máis de 1.000 alumnos e alumnas de Secundaria. O obxectivo principal é formar á poboación xuvenil para medrar, desenvolverse e relacionarse plenamente sen prexuízos sexistas. Alén disto tamén se incide en aspectos estreitamente relacionados co desenvolvemento de habilidades e estratexias para a resolución de conflitos de xeito pacífico, o aumento do autocoñecemento, a formación e relacións en igualdade, ademais de sensibilizar sobre a violencia de xénero e as súas causas.
O Programa IgualaR3 inclúe a lectura e sinatura, mañá martes, dun manifesto contra a violencia de xénero elaborado polo propio alumnado. Tamén está prevista a proxección do material audiovisual realizado nas sesións de traballo, así como reportaxes fotográficas nos photocalls especialmente deseñados para a ocasión. Con todos os traballos realizados nos centros crearase unha exposición audiovisual itinerante, ademais dun blog no que calquera persoa interesada poderá coñecer as actividades que realizan o estudantado e o profesorado. www.programaigualar.blogspot.com.es

Manuel Regos aproveitou a presenza dos medios para repasar todas as actividades, programas e iniciativas desenvolvidas polo CIM de Ordes ao longo de todo o ano. Entre eles destacou o Plan de Igualdade entre Homes e Mulleres, os programas de coeducación Contiños para compartir e Educando en igualdade, a integración na Rede Galega de Entidades Locais contra a Violencia de Xénero, ou o Servizo telefónico de protección e atención.